inicio - Novas - O CES e a Universidade da Coruña asinan un convenio para desenvolver unha investigación sobre o sector enerxético en Galicia

O CES e a Universidade da Coruña asinan un convenio para desenvolver unha investigación sobre o sector enerxético en Galicia

 07/04/2022  

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, asinaron hoxe na Reitoría da institución académica coruñesa un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de investigación “Sector enerxético en Galicia: presente e futuro”.

O CES realizou a encarga deste proxecto ao Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas da UDC (GREFIN), que desenvolve unha importante liña de investigación sobre o sector enerxético en Galicia e as súas consecuencias económicas e sociais, coordinado polo profesor da Facultade de Economía e empresa Fernando de Llano Paz.

A investigación, que se realizará ao longo deste ano, tratará a situación actual e as perspectivas de futuro dos distintos axentes implicados no deseño enerxético desde distintos puntos de vista; desde a planificación europea, Unión Europea, Administración, sector enerxético e a sociedade e o medio ambiente; desde a demanda, de empresas e fogares; e desde a oferta, para saber en que situación está Galicia no referente a empresas que ofrecen servizos enerxéticos; así como, finalmente, do balance enerxético do territorio. Os investigadores analizarán os retos ante os que se atopa o sector enerxético galego á hora de enfrontarse á transición ecolóxica coas súas implicacións socioeconómicas, na procura de definir as principais liñas coas que conseguir un mellor posicionamento dos distintos axentes sociais e económicos galegos.

O obxectivo deste traballo é ofrecer un diagnóstico rigoroso do sector enerxético en Galicia, e das políticas desenvolvidas na etapa máis recente, coa finalidade de formular propostas de actuación nos diferentes ámbitos.

O reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, asinaron o convenio na Reitoría.