inicio - Novas - O CES aproba a súa Memoria sobre a situación económica e social 2019

O CES aproba a súa Memoria sobre a situación económica e social 2019

 29/07/2020  

O estudo do organismo consultivo non inclúe consideracións por mor dos cambios e incertidumes sobrevenidos coa Covid 19

O Pleno do Consello Económico e Social de Galicia ven de aprobar, na súa sesión de onte, a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2019, o informe anual que este organismo consultivo elabora sobre a realidade socioeconómica galega desde o punto de vista dos axentes da sociedade civil. Como en anteriores ocasións, o documento foi aprobado por unanimidade das organizacións que forman o CES (sindicatos, empresarios, confrarías, consumidores, universidades…).

A diferencia doutros anos, nesta memoria non se inclúen consideracións, as opinións e recomendacións dos membros sobre distintos aspectos da situación. O Consello entende que a incertidume producida pola pandemia da Covid 19 impide concretar recomendacións e consideracions nestes intres.

Unha vez rematada a recompilación e análise dos datos máis relevantes para analizar a realidade socioeconómica de Galicia, e tendo en conta as especiais circunstancias derivadas da pandemia provocada pola Covid-19, o CES considerou que “a realidade de decembro de 2019, onde chega a termo a análise da Memoria 2019, mudou de maneira substancial e importante respecto da realidade que nos atopamos á hora da súa presentación”, indica o organismo.

O presidente do Consello, Agustín Hernández, explicou que, “debido a isto, o CES considerou oportuno non aventurar recomendacións ou conclusións que noutras circunstancias se derivarían da evolución anual dos indicadores analizados”.

Hernández adiantou que “o Consello traballa xa en coñecer e seguir a evolución social e económica que durante 2020 teña lugar en Galicia, para cooperar e contribuír, como é a nosa función, na elaboración dunha diagnose actualizada ás circunstancias actuais que achegue coñecemento e ferramentas para a articulación de medidas e solucións que permitan a Galicia saír canto antes e co menor dano desta crise sanitaria, económica e social sen precedentes”.