inicio - Novas - Arrincan os traballos de elaboración dun informe sobre o sector enerxético galego e o seu futuro

Arrincan os traballos de elaboración dun informe sobre o sector enerxético galego e o seu futuro

 28/03/2022  

Cunha comparecencia diante da Comisión sectorial nº 1 a cargo do equipo responsable da súa redacción, comezaron hoxe os traballos de elaboración do informe “O sector enerxético en Galicia: presente e futuro”, un dos estudos facultativos que vai abordar o CES este ano. Os profesores Fernando de Llano e Guillermo Iglesias presentaron o prantexamento do informe, as metodoloxías a utilizar na análise, o esquema do estudo e un índice inicial para a súa valoración pola Comisión.

Entre outros temas, a investigación abordará aspectos como a produción e a oferta de enerxía en Galicia, a demanda de enerxía en Galicia ou a situación das redes e das infraestruturas enerxéticas, así como os mercados enerxéticos ou o impacto socio-económico e ambiental do sector enerxético en Galicia. Tamén está previsto que o informe analice a política enerxética galega para finalizar coa transición enerxética e as súas perspectivas de futuro (con horizontes de estudo 2030–2050).

Este informe lévase a cabo mediante un convenio de colaboración entre o CES e a Universidade da Coruña, insitución á que pertencen os profesores que redactarán o documento base.