inicio - Novas - Aprobada por unanimidade a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2020

Aprobada por unanimidade a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2020

 27/07/2021  

O documento inclúe as opinións consensuadas polos axentes socioeconómicos sobre a realidade e propostas da actuación para a recuperación post-covid

O Pleno do Consello Económico e Social de Galicia aprobou na súa sesión do pasado 22 de xullo, por unanimidade, a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2020, o informe anual que este organismo consultivo elabora sobre a realidade socioeconómica galega desde o punto de vista dos axentes da sociedade civil, e xa a enviou ao presidente da Xunta, para o seu coñecemento.

O estudo xa está dispoñible na web do CES.

O documento, estruturado en cinco capítulos, é un exhaustivo repaso á realidade socioeconómica galega en 2020, nun ano especialmente complicado pola incidencia da pandemia da covid-19. Como é habitual, a Memoria do CES inclúe un capítulo de Consideracións no que se salientan opinións, advertencias, demandas, recomendacións e propostas de actuación para a recuperación post-covid das diferentes entidades e axentes representados no Consello.

A mirada dos axentes socioeconómicos analiza o panorama económico, o mercado de traballo e as relacións laborais (neste ano, cun apartado sobre dixitalización e teletraballo), o dinamismo do tecido produtivo, a calidade de vida e benestar social e os recursos e capacidades para o desenvolvemento.

O presidente do Consello, Agustín Hernández, ten previsto entregar esta Memoria tamén ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Con esta iniciativa, o CES pretende achegar o documento aos distintos grupos parlamentarios, para que poidan coñecer de primeira man as opinións unánimes dos axentes socioeconómicos sobre a nosa realidade.

Logo de 25 anos, a Memoria do CES é un informe consolidado e unha ferramenta útil para entender a situación socioeconómica de Galicia desde as distintas sensibilidades das organizacións que compoñen o Consello.