inicio - Novas - O anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia, preparado para ser sometido a ditame do CES

O anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia, preparado para ser sometido a ditame do CES

 11/11/2019  

A conselleira de Política Social presentou o texto no Pleno do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

Logo de máis de 300 alegacións presentadas pola sociedade civil ao documento inicial, das que se incorporaron preto do 80%, o texto do anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia está listo para ser sometido a ditame do Consello Económico e Social. A conselleira de Política Social, Fabiola García, presentou hoxe a norma nunha sesión plenaria do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, que ten a súa sede no CES.

Tanto a conselleira como o presidente do organismo consultivo, Agustín Hernández, gabaron o consenso e as aportacións que realizaron axentes sociais, organizacións, grupos políticos, sindicatos e mesmo particulares para enriquecer unha norma que ten como obxectivo facer fronte ao reto demográfico, un dos problemas máis preocupantes para Galicia.

O pleno do Observatorio acolleu positivamente a proposta normativa e, con ese aval, a tramitación da Lei de impulso demográfico pasará polo CES, para voltar despois ao Consello da Xunta e, finalmente, ser debatida no Parlamento autonómico.

Na imaxe, a conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente do CES, Agustín Hernández, durante a sesión do Observatorio Galego de Dinamizacion Demográfica.