inicio - O Ces - Natureza

Natureza

O Consello Económico e Social é un organismo consultivo da Xunta de Galicia en materias socioeconómicas. Creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño, o CES configúrase como foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta de Galicia coa finalidade de facer efectiva a participación destes axentes na política socioeconómica da Comunidade Autónoma.
 
O CES de Galicia foi creado pola devandita Lei 6/1995, do 28 de xuño, en aplicación do previsto no artigo 9.2 da Constitución española e nos artigos 4.2 e 55.4 do Estatuto de Autonomía de Galicia, para facilitar a participación de tódolos galegos na vida política, económica e social e atender a aspiración dos axentes económicos e sociais de que as súas opinións e propostas podan ser tidas en conta no proceso de adopcións de decisións por parte do Executivo autonómico.
 
No CES está representado un amplo número de organizacións socio-profesionais, entidades e asociacións de todo tipo –desde os sindicatos ás Universidades, dos pescadores aos consumidores–, o que lle confire o seu especial carácter de foro permanente de diálogo e deliberación entre a sociedade civil organizada e a Xunta de Galicia para o exercicio da súa función consultiva. Este labor aplícase non só á actividade normativa gubernamental, senón mesmo á elaboración, por iniciativa propia, de estudos e informes que conteñan propostas encamiñadas a unha eventual introducción de reformas nas políticas públicas aplicadas aos diferentes sectores de actividade.

O ámbito obxectivo para o exercicio das funcións atribuídas ao Consello Económico e Social son as materias socioeconómicas directamente vencelladas ao desenvolvemento económico e social de Galicia, en concreto as relativas á economía, fiscalidade, emprego e seguridade social, agricultura e pesca, educación e cultura, saúde, consumo, medio ambiente, transporte e comunicacións, industria e enerxía, vivenda e integración europea.