inicio - Novas
 11/07/2013  

O CES-Galicia aproba unha declaración institucional de apoio ao sector naval

CES Galicia - declaración de apoio ao sector naval

O Consello Económico e Social de Galicia (CES), reunido en sesión plenaria na súa sede de Santiago de Compostela, o día 11 de xullo de 2013, adopta, por unanimidade, a seguinte declaración:

Ante o que constitúe un clamor por parte de todos o sectores da sociedade galega o CES de Galicia quere manifestar o seu apoio ao sector naval galego nuns momentos críticos no que está en xogo a supervivencia do propio sector.

A devolución das axudas do tax lease nos estritos termos nos que ven sendo anunciada pola Comisión Europea, ademais de inxusta, resulta incoherente coas políticas económicas e sociais que ven proclamando a Unión Europea.

Dado que o naval é un sector estratéxico, cun importante peso no PIB galego e que comporta miles de empregos e industria auxiliar, o dito reintegro suporía un drama para a economía galega e, conseguintemente, para moitas familias que se verían abocadas a unha situación de desamparo e pobreza.

Dende o CES de Galicia reclámase á Comisión Europea que pondere todas as circunstancia concorrentes que están en xogo, no momento de adoptar a súa decisión.

 26/06/2013  

O Consello celebra un seminario sobre o Plan de Acción da Estratexia Atlántica europea

Seminario RTA
Ultimará a contribución da RTA ao ditame do CES europeo

Representantes dos consellos económicos e sociais agrupados na Rede Transnacional Atlántica (RTA) e da Comisión Europea participarán no seminario sobre o Plan de Acción da Estratexia Atlántica, que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro venres, 28 de xuño. O encontro servirá tamén para definir a contribución da RTA ao ditame que prepara o CES europeo sobre a dita estratexia.

Ademáis da visión da Comisión Europea sobre as accións prioritarias, a súa implementación e a gobernanza das propostas estratéxicas plantexadas, os asistentes poderán coñecer de primeira man, a través das experiencias da rexión do mar Báltico e da rexión do Danubio, a implicación dos axentes económicos e sociais nas estratexias macrorrexionais da UE xa existentes. Tamén se presentará o informe do grupo de traballo da RTA sobre a participación da organización na estratexia.

Programa do Seminario
 14/06/2013  

O CES de España presenta en Galicia o seu informe sobre a reforma da Política Pesqueira Común europea

CES Galicia-jornada política pesquera común
A xornada celebrarase o vindeiro 25 de xuño no Museo do Mar, en Vigo

O Consejo Económico y Social vai presentar en Galicia o seu informe sobre a reforma da Política Pesqueira Común, nunha xornada que terá lugar  no Museo do Mar, en Vigo o vindeiro 25 de xuño. A especial relevancia do sector pesqueiro e o complexo mar-industria para o tecido económico e social galego, e a importancia da pesca galega no conxunto español, decidiron ao órganismo consultivo, en colaboración co CES-Galicia, a achegar as conclusións do seu estudio aos representantes do sector nestas terras.

Programa da Xornada
 14/05/2013  

Galicia participou no encontro de CES autonómicos celebrado en Castellón

 
O Consello Económico e Social de Galicia participou no encontro anual de CES de España, que se celebrou os días 8, 9 e 10 de maio en Castellón, organizado polo organismo consultivo da Comunidade Valenciana. Na xuntanza, que reuniu a representantes dos distintos consellos autonómicos e do Consejo Económico y Social de España, o CES de Galicia estivo representado pola súa presidenta, Corina Porro, e o secretario xeral, Juan José Gallego Fouz.
 05/04/2013  

Os ditames sobre os anteproxectos de lei de garantías de prestacións sanitarias, de caza e de creación do colexio de nutricionistas, aprobados na sesión plenaria


O Pleno do Consello Económico e Social de Galicia aprobou na súa sesión de hoxe os tres ditames nos que estaba a traballar. Por orde de entrada, o plenario do organismo consultivo aprobou por unanimidade o seu ditame sobre o anteproxecto de Lei de caza de Galicia (ditame 2/13); de seguido, tamén por unanimade dos membros presentes, o ditame sobre o anteproxecto de Lei de creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas (ditame 3/13); e rematou a sesión coa aprobación do ditame sobre o anteproxecto de Lei de garantías de prestación sanitarias, elaborado polo trámite de urxencia e que anexa un voto particular formulado polos representantes do Grupo I do CES.
 26/02/2013  

Renovado o convenio coa Escola Galega de Administración Pública

CES Galicia - convenio coa EGAP A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos González, e a presidenta do CES, Corina Porro Martínez, asinaron a renovación do convenio de colaboración que manteñen ambas entidades para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación. Coa sinatura, exténdese a vixencia do documento ata o 31 de decembro de 2013.

Páxinas