inicio - Novas - Xornada sobre a pobreza e a exclusión social, en xuño

Xornada sobre a pobreza e a exclusión social, en xuño

18/05/2015

A problemática da pobreza e a exclusión social que adoita levar emparellada protagonizará a nova xornada de estudio e reflexión que organiza o CES en colaboración co Idega, prevista para o vindeiro día 10 de xuño.
 
Como ven sendo habitual, o formato da xornada constará de dúas ponencias, unha sobre aspectos xerais e outra máis concreta, seguidas dunha mesa redonda na que participarán colectivos que traballan sobre o terreo, representantes da Administración e os membros das organizacións do Consello. [ver programa | inscrición nas Xornadas]
 
A primeira intervención, a cargo do profesor da Universidade de Vigo Carlos Gradín, versará sobre os modelos económicos para definir e analizar esta preocupante realidade social, baixo o título “A medición da pobreza na Unión Europea: pobreza absoluta e relativa, indicadores multidimensionais, novas aproximacións”. O obxectivo é aproximar aos participantes os métodos de estudio e caracterización das situacións de pobreza que manexan os analistas desta problemática no ámbito académico.
 
A xornada continuará cunha aproximación menos teórica, máis achegada á realidade cotiá, coa ponencia “Compromiso, coordinación e diginidade na loita contra a pobreza e a exclusión”, a cargo do director da Rede Galega de Loita contra a Pobreza, Xosé Cuns Traba. Desde as organizacións que traballan “sobre o terreo” o enfoque céntrase no compromiso político, a planificación e a coordinación e defensa do enfoque de inclusión como estratexia de loita.
 
A terceira parte do encontro vai estar adicada a unha mesa redonda na que se falará das formas de detección da pobreza, as respostas diantes do risco de exclusión e as posibles solucións a curto, medio e longo prazo. Contaremos coas opinións da directora xeral de Familia e Inclusión da Xunta de Galicia, Amparo González, do director de Cáritas Diocesana, Anuncio Mouriño, e de representantes das organizacións membros do CES. A través do seu diálogo, os participantes poderán confrontar distintas aproximacións á loita contra a pobreza.
 
Coa elección de este tema para a vindeira xornada de estudio, o CES trata de darlle unha maior importancia aos aspectos sociais, que se engaden aos habituaisi temas económicos e laborais, pois os seus membros estiman que cómpre concienciar á sociedade galega da problemática que evidencia a actual situación económica e, dentro das nosas capacidades, dar respostas para a súa solución.
 
documentos relacionados: 
AnexoTamaño
PDF icon Programa da Xornada189.62 KB