REFLEXIÓNS SOBRE O SISTEMA PRODUTIVO DE GALICIA
Diagnóstico e propostas de futuro

O organismo consultivo presentou o seu último informe en Santiago
O CES propón medidas e políticas para mellorar o sistema produtivo de Galicia
Foto presentación

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2007
O Consello Económico e Social presentou as súas propostas sobre as medidas e políticas económicas que habería que desenvolver para acadar una melloría do sistema produtivo de Galicia. Estas propostas están recollidas no último informe do organismo consultivo, que foi presentado hoxe en Santiago de Compostela e leva por título Reflexións sobre o sistema produtivo de Galicia. Diagnóstico e propostas de futuro.

As recomendacións do CES inciden principalmente na mellora das infraestructuras en sentido amplo, desde os transportes ata as tecnoloxías da información, na necesidade de facer un esforzo no eido da formación e no establecemento de políticas que incentiven a innovación.

O informe, aprobado polo Pleno do CES na súa última sesión, realiza en primeiro lugar unha aproximación aos elementos determinantes da estrutura produtiva galega para, de seguido, presentar un diagnóstico sobre a súa situación actual e os seus factores críticos. Pero a principal aportación deste estudio do Consello é a inclusión de recomendacións ou propostas de actuación para o Goberno galego orientadas á mellora do tecido produtivo galego.

As medidas propostas, agrupadas en seis eixes estratéxicos, teñen como obxectivo principal acadar unha maior competitividade do sistema produtivo e acelerar o proceso de converxencia activa real cos países do noso entorno en termos de crecemento, emprego e cohesión social.

Entre as propostas de política xeral, o CES insiste na necesidade de definir un modelo de desenvolvemento propio de Galicia e destaca que, aínda que xa é positivo, cómpre afondar no marco de diálogo e concertación social. A análise do Consello recorda tamén a necesidade de aprobar axiña as directrices de ordenación do territorio, unha das carencias salientables expresadas nas enquisas que serviron de base para elaborar a parte cualitativa do informe.

Infraestruturas
Un dos eixes estratéxicos máis importantes corresponde ás infraestruturas, que deben cumprir co obxectivo de acadar unha maior vertebración do territorio e mellorar as comunicacións exteriores. No eido dos transportes, o estudio propón a interconexión das redes de comunicación, a modernización e ampliación da rede ferroviaria e o fomento da complementariedade dos aeroportos. O Consello fala tamén da necesidade de potenciar o sistema portuario de Galicia como cabeceira da futura autoestrada do mar.

As carencias de solo industrial de calidade é outras das preocupacións expresadas no informe, que expresa a necesidade de promover actuacións para satisfacer a actual demanda e tamén para atraer investimentos exteriores. Estas actuacións deberían ser planificadas e acadar unha racionalización da oferta de terreos para as industrias.

Neste eixe das infraestruturas, o Consello non esquece o papel dos equipamentos sociais como elemento fundamental de cohesión. O informe fala do necesario desenvolvemento dunha rede asistencial de calidade e da mellora da dotación de servizos de apoio para as familias.

Formación
Un dos elementos chave para o correcto funcionamento dunha economía é o capital humano. Neste terceiro eixe estratéxico, o CES suxire a mellora dos programas formativos e a súa adecuación ás necesidades das empresas, xunto cunha maior colaboración entre o sistema educativo e o sector empresarial. Os membros do CES indican tamén a conveniencia de apoiar ao persoal investigador e deseñar programas para manter en Galicia á xente nova formada e mesmo para captar a persoas preparadas fóra.

A investigación e a innovación vertebran o cuarto eixe do informe. Ademais da creación dunha estrutura estable de apoio á investigación, o Consello considera que a Xunta debería propiciar un maior papel dos clusters coma instrumentos de I+D e innovación. As actividades de I+D+i están excesivamente concentradas nas universidades galegas, polo que cómpre potenciar o investimento privado e a innovación empresarial.

No terreo das empresas, fálase da necesidade de establecer un plan estratéxico de fomento da iniciativa empresarial e da promoción do espírito emprendedor nos distintos niveis de ensino. O informe insta á Xunta a promover sistemas de relación e integración das empresas galegas en sectores e clusters como elemento de competitividade.

Considerando o actual proceso de globalización como unha oportunidade, o CES fai fincapé na necesidade de implementar tres tipos de programas para mellorar a presenza das firmas galegas no mundo: por unha banda, programas de información e axudas para a internacionalización das empresas galegas; por outra, programas específicos de apoio ás empresas no exterior e de acceso ás licitacións internacionais; e, en terceiro lugar, desenvolvemento de programas de soporte estratéxico.

A través destas actuacións, o Consello entende que podería acadarse unha mellora do sistema produtivo de Galicia e a súa competitividade, que debería traducirse nunha mellor calidade de vida para os seus habitantes.

O Consello Económico e Social
O Consello Económico e Social de Galicia é un órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia socioeconómica. Foi creado para facilitar a participación dos axentes económicos e sociais na política socio-económica de Galicia.

Como organismo de participación dos axentes económicos e sociais, configúrase como un foro permanente de debate entre as organizacións socioeconómicas dos galegos e as institucións autonómicas.

O Pleno do Consello está composto por 35 membros, representantes de distintas organizacións e entidades: sindicatos, empresarios, pescadores, consumidores, univesidades…

Portada
Valid HTML 4.01 Transitional Valid CSS! Icono de conformidade co Nivel A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI © CES-GALICIA