inicio - Novas - Renovado o convenio coa Escola Galega de Administración Pública

Renovado o convenio coa Escola Galega de Administración Pública

26/02/2013
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos González, e a presidenta do CES, Corina Porro Martínez, asinaron a renovación do convenio de colaboración que manteñen ambas entidades para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación. Coa sinatura, exténdese a vixencia do documento ata o 31 de decembro de 2013.

O obxecto do convenio entre o CES e a EGAP é permitir a participación nas actividades da Escola ao persoal do Consello, así como a colaboración e o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador ou investigador nos eidos de actuación e competencias das dúas institucións. Por este medio, trátase de actuar do xeito máis eficaz e eficiente na utilización dos recursos humanos, materiais e organizativos para o mellor cumprimento dos seus fins a prol da sociedade galega.

Entre outras actuacións, o acordo contempla a participación do persoal do CES nas actividades da EGAP, a edición conxunta de libros e outras publicacións e documentos de traballo e a promoción da actividade investigadora mediantes proxectos conxuntos.