inicio - Novas - Remata o traballo da RTA sobre o papel da sociedade civil na realización da Estratexia Marítima Atlántica

Remata o traballo da RTA sobre o papel da sociedade civil na realización da Estratexia Marítima Atlántica

 13/02/2015  

O Grupo de Traballo da Rede Transnacional Atlántica (RTA), que agrupa aos consellos económicos e sociais da fachada atlántica europea, ven de rematar o documento sobre “Condicións para a efectiva realización práctica da Estratexia Marítima Atlántica: apropiación, implementación e papel da sociedade civil”, un estudio sobre o grao de coñecemento que teñen os actores ou operadores da economía marítima atlántica, os destinatarios desta estratexia, sobre a mesma. A estratexia marítima atlántica é o instrumento que artella as políticas comunitarias neste eido territorial e sectorial para os vindeiros anos.

Elaborado a través de enquisas dirixidas aos sectores directamente implicados en cada unha das rexións representadas na RTA, o estudio valorou o coñecemento da estratexia nos distintos territorios e fixo unha reflexión sobre os instrumentos de sensibilización e mobilización dos actores da sociedade civil directamente implicados no seu desenvolvemento. A iniciativa de elaboración do informe foi aprobada na reunión do Comité de Orientacións da RTA celebrada en xuño de 2013 en Santiago de Compostela e o documento final agora rematado será validado na sesión do órgano executivo da rede convocada para a vindeira semana en Nantes (Francia). O documento final recolle o resultado das distintas investigacións realizadas en todas as rexións do Arco Atlántico.

No caso de Galicia, as enquisas elaboradas polo CES detectaron que o grao de coñecemento da Estratexia Marítima Atlántica é desigual nos distintos sectores implicados e depende da dimensión e estrutura destes. Coas conclusións acadadas neste estudio, a RTA pretende facer a súa contribución a unha revisión da estratexia a medio plazo, que permita salvar algunhas das eivas ou debilidades detectadas. Entre outras accións de comunicación, está previsto facer unha presentación pública do informe da RTA en Bruselas, diante das institucións comunitarias implicadas.