inicio - Novas - A Rede Transnacional Atlántica presenta o seu informe sobre a rede transeuropea de transportes

A Rede Transnacional Atlántica presenta o seu informe sobre a rede transeuropea de transportes

 28/09/2021  

A Rede Transnacional Atlántica (RTA) de consellos económicos e sociais presentou hoxe en Mérida, no marco dunha xuntanza do seu órgano de goberno, o informe “Cara a unha revisión da TEN- T para o espazo atlántico”, un documento que recolle as propostas e prioridades xerais desta organización para as futuras orientacións da Rede Transeuropea de Transportes (TEN- T). O documento traslada a posición dos CES españois e franceses do Arco Atlántico sobre a revisión do futuro sistema de transporte continental e busca posicionar á sociedade civil en relación coa necesidade de potenciar esas infraestruturas.

Coa presentación desta nota de posición previa á publicación pola Comisión Europea da súa proposta lexislativa no outono 2021, a RTA convida as institucións europeas, actores nacionais e rexionais, a tomar en conta as características específicas das rexións atlánticas da UE nas futuras negociacións que se abrirán neste ano 2021, para reforzar unha “TEN- T adaptada ao futuro”.

A apertura do acto contou coa presencia do presidente da Junta de Estremadura, Guillermo Fernández Vara; a presidenta do CES desa Comunidade, María Mercedes Vaquera Mosquero, que foi o anfitrión; do presidente do CES de España, Antón Costas Comesaña; e do presidente da RTA, Patrick Caré, tamén presidente do CESER de Bretaña. Por parte do CES-Galicia participaron o seu presidente, Agustín Hernández, e mais o secretario xeral, Manuel Martínez.

O estudo, logo dunha introducción a cargo da responsable do grupo de traballo que coordinou o documento, Camille De Amorin (CESER-Nova Aquitania), foi presentado por los correlatores Enrique Cabero Moran, presidente do CES de Castela e León, e Jean-Luc Léger, presidente do CESER de Normandía.

Esta contribución destaca as 8 prioridades xerais dos membros da RTA para as futuras orientacións da TEN- T: • A finalización das redes conforme aos prazos establecidos o 2030 e o 2050; • A dimensión internacional da TEN- T, en particular no contexto do Brexit; • A achega de solucións para os problemas de accesibilidade, elos inexistentes e pescozos de botella na costa Atlántica-Mancha; • A impulsión das transicións enerxética e dixital da TEN- T; • O reequilibrio modal e multimodal do transporte; • O rol estratéxico do transporte ferroviario e marítimo; • O rol do transporte ante a eventualidade de crise na UE; •O apoio financeiro adecuado.

De seguido, os membros da RTA tiveron ocasión de participar nun debate sobre a revisión da rede transeuropea de transportes e o corredor atlántico, logo de senllas intervencións ao respecto a cargo da secretaria executiva da Comisión Arco Atlántico da CRPM, Elise Wattrelot, que fixo unha presentación dos traballos en curso sobre a TEN-T e as acción das rexións atlánticas en proceso de revisión, e do director do Informe sobre o impacto socioeconómico do Corredor Atlántico en Europa, Germán Barrios García.

A última parte da xornada estivo adicada a informar aos membros dos distintos CES sobre a aposta por un cambio desde unha Estratexia Marítima Atlántica cara unha macro-rexión atlántica. Logo dunha introducción do presidente da RTA, Patrick Caré, foi o director xeral de Asuntos Europeos do goberno vasco, Mikel Antón Zarragoitia, en representación da Comisión Arco Atlántico, o encargado de explicar as vantaxes que tería esa futura macro-rexión para as rexións do arco atlántico.