inicio - Novas - Preto de 100 interlocutores sociais participarán nas reunións do Consello Económico e Social de Galicia “Por unha alianza no sector industrial galego”

Preto de 100 interlocutores sociais participarán nas reunións do Consello Económico e Social de Galicia “Por unha alianza no sector industrial galego”

 18/09/2017  

Preto dun cento de interlocutores sociais participarán esta vindeira semana nas reunións de traballo convocadas polo Consello Económico e Social de Galicia dentro da iniciativa “Por unha alianza no sector industrial galego” que lidera o organismo consultivo. A iniciativa do CES busca canalizar e intensificar a capacidade de interlocución dos axentes sociais galegos para cooperar no desenvolvemento dunha política industrial de longo prazo que asegure un “crecemento económico inclusivo”.

Tras a identificación dos principais retos para o sector industrial, a próxima semana (días 18, 19 e 20) vanse celebrar na sede do CES Galicia cinco reunións de traballo con preto de 100 interlocutores sociais onde estarán representados os principais actores do sector industrial galego. As sesións organizaranse segundo as áreas temáticas claves nas que se divide o informe: AT1. Regulación das condicións marco; AT2. Factores de competitividade; AT3. Capital humano; AT4. Investigación e Innovación; AT5. Investimento e atracción /retención de capitais.

Xa confirmaron a súa participación os representantes das organizacións sindicais con maior presenza no sector (CIG, CCOO e UGT), expertos do ámbito académico das tres universidades galegas e unha nutrida representación da industria, tanto das pemes como das grandes empresas. Tamén haberá unha importante representación de centros tecnolóxicos e clusters e asociacións empresariais. A Xunta de Galicia participará con representantes do IGAPE, GAIN e o Consello Galego de Relacións Laborais. Na reunión de traballo adicada a investimentos e atracción e retención de capitais contarase tamén coas entidades bancarias con maior presencia en Galicia.

O principal resultado agardado desta rolda de reunións é unha batería de propostas xurdidas dunha visión compartida para o sector industrial galego. O obxectivo é consensuar as posibles vías para consolidar a transición cara un ecosistema adaptativo capaz de xerar emprego estable e de calidade; un ecosistema que compatibilice a consolidación de Galicia como centro xeográfico de produción material de certos bens e servizos avanzados, cunha aposta firme e sostida pola xeración de coñecemento para a innovación.

Xa o pasado 2 de xuño, o Consello fixo pública unha declaración institucional que representaba un fito crucial da iniciativa “Por unha alianza do sector industrial galego”. Esta declaración reflectía o punto de vista compartido das organizacións representadas neste órgano consultivo: os sindicatos CCOO, UGT e CIG, a Confederación de Empresarios de Galicia e as tres universidades galegas. En palabras da presidenta do CES Galicia, Corina Porro, este proxecto “complementa os esforzos da administración pública e de distintos axentes sociais para atopar unha visión compartida que logre aliñar vontades”. Porro lembrou tamén que “No CES, sempre buscamos incorporar distintos puntos de vista, acadar consensos entre intereses diferentes. Neste caso, ademáis, quisimos ampliar a visión a axentes distintos, aglutinar esforzos, diversificar fontes, achegarnos ás opinións dos expertos e dos protagonistas do día a día, do esforzo cotián no sector. Buscamos, en definitiva, abrir aínda máis o Consello á sociedade”.