inicio - Novas - A presidenta do CES-Galicia anuncia a redacción dun estudio sobre o sector industrial

A presidenta do CES-Galicia anuncia a redacción dun estudio sobre o sector industrial

20/12/2016

Comparencia na Comisión de Orzamentos do Parlamento

A presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro, anunciou onte, na súa comparecencia na Comisión parlamentar do Orzamentos, que este organismo consultivo ten previsto comezar en breve os traballos de redacción dun estudo a iniciativa propia sobre a industria en Galicia. Baixo o título Por unha alianza no sector industrial galego, este informe ten como obxectivo, segundo salientou a presidenta, “atopar fórmulas de cooperación de todos os axentes involucrados na procura dunha política industrial de longo prazo que asegure un crecemento económico inclusivo.” Corina Porro explicou que o “crecemento económico inclusivo fai referencia ao tipo de crecemento no que participan e do que se benefician amplos segmentos da sociedade sen comprometer a capacidade de xeracións futuras para satisfacer as súas necesidades.”

O índice previsto aborda aspectos como o sector industrial na economía global e a súa evolución recente, as regulacións das condicións marco, o capital humano e a súa formación, a modernización tecnolóxica, a innovación dos modelos de negocio ou os aspectos enerxéticos e medioambientais.

Segundo indicou Porro, “este informe vai supoñer un reto para o organismo, que mesmo pode significar cambiar algunhas das formas de traballo do CES, pero estamos ilusionados co desafío. Afrontar este reto vai requerir unha gran implicación por parte dos membros do Consello, que xa manifestaron o seu compromiso, pero tamén da colaboración da Administración e dos distintos sectores económicos implicados,” continuou.

O anuncio produciuse no marco da comparecencia institucional para explicar o orzamento do CES para o vindeiro ano. Segundo o anteproxecto presentado, o orzamento total do Consello para 2017 terá un incremento do 1,3% respecto ao ano pasado. A presidente sinalou que o gasto previsto, “aínda que cativo, permitirá a este organismo consultivo recuperar en boa medida la capacidade de gasto dos anos anteriores a crise e abordar as funcións que lle son propias”.

Durante a comparecencia, os voceiros dos grupos parlamentarios falaron do importante labor que está a cumprir o CES e salientaron a súa autonomía e independencia e mesmo falaron da necesidade de reforzar o seu papel.

Porro agredeceu as palabras e as propostas que se fixeron e rematou co compromiso do organismo que preside de continuar traballando para ser a voz da sociedade civil organizada.