inicio - Novas - O Pleno do CES Galicia aproba o ditame sobre a lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia

O Pleno do CES Galicia aproba o ditame sobre a lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia

 04/05/2023  

O Pleno do 28 de abril o CES Galicia ven de aprobar o ditame sobre a lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, anteproxecto con 209 artigos, 3 disposicións adicionais, 1 disposición transitoria, 1 disposición derrogatoria e 3 disposicións derradeiras. A comisión sectorial 2, tras 6 sesións remitiu a proposta de ditame á comisión permanente e esta ao Pleno, sendo aprobado un ditame con 11 consideracións xerais e 91 consideracións particulares. Houbo un amplo nivel de consenso e as propostas que recolle o ditame teñen como obxectivo mellorar a lei e proponse a redacción de 4 novos artigos.

O ditame conta co voto particular da CIG en materia de premios, subvencións e do certificado de excelencia. A CIG considera que premiar as empresas por cumprir a lei non é un bo método para que as cousas funcionen, e que se emprega demagóxicamente a igualdade entre sexos. Entende que non pode ser que as empresas que só cumpren un 25% do plan de igualdade se lles de un certificado de excelencia, así como que ten que haber informes obrigatorios da inspección de traballo e dos representantes dos traballadores, informe no que se diga se hai grao de incumprimento das medidas do plan.

Sobre as subvencións non están de acordo en que as empresas sen plan de igualdade poidan acceder ao réxime de subvencións.

En canto aos premios, entende que os dereitos que están recoñecidos legalmente non se deben subvencionar. No mundo rural e do mar consideran que falta moita concreción de medidas para mellorar as condicións das mulleres que se dedican a este sector e por iso non se debería premiar.