NOVAS

O Consello Económico e Social de Galicia aproba o seu ditame
sobre o anteproxecto de Lei de política industrial

Unanimidade na primeira sesión plenaria que preside Corina Porro
 
Santiago de Compostela.
O Consello Económico e Social de Galicia ven de aprobar, na súa sesión plenaria de onte, o ditame sobre o anteproxecto de Lei de política industrial de Galicia, solicitado pola Xunta. O pleno do organismo consultivo emitíu a súa opinión con unanimidade, logo de acadar un consenso total sobre as emendas que plantexaron os seus membros ao longo do proceso de elaboración do ditame.

A sesión, que foi a primeira a cargo da nova presidenta do Consello, Corina Porro Martínez, desde a súa toma de posesión o día 11 de xullo, contou coa participación da práctica totalidade dos seus 33 membros. A presidenta salientou precisamente ese consenso e a ausencia de votos particulares porque, na súa opinión, ese é o principal valor que pode aportar aos seus traballos o CES.

Ademáis da aprobación do ditame, os membros asistiron a unha breve exposición das que serán as primeiras actuacións da nova presidenta ao frente do organismo, que teñen como elemento común a intención de dinamizar o Consello, potenciar a súa presencia na sociedade galega e acadar unha notoriedade maior a través das súas actuacións institucionais. Corina Porro salientou que se trata de conseguir que as opinións que saian do CES sexan tidas en conta, aínda máis que ata agora, polos responsables da Xunta de Galicia. Para acadar estes obxectivos, potenciarase a participación dos membros, está previsto mellorar a páxina web e mesmo proxectar a actividade do organismo no seu entorno a través de distintas iniciativas de comunicación aínda por definir.

Nas vindeiras datas, o Pleno deberá aprobar o seu anteproxecto de orzamento para materializar todas estas propostas, que teñen como obxectivo final mellorar o cumprimento dos fins para o que foi creado o organismo: facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, social e cultural.

O Consello Económico e Social é un órgano consultivo para a participación da sociedade civil galega no debate e toma de decisión no ámbito socioeconómico. No seu Pleno están representadas organizacións, entidades a asociacións sindicais, empresariais, de sectores produtivos, os consumidores ou as universidades de Galicia.

Portada ditame política industrial
(1.345 kb)
Ditame sobre o anteproxecto de Lei reguladora da política industrial de Galicia
 
Valid HTML 4.01 Transitional Valid CSS! Icono de conformidade co Nivel A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI © CES-GALICIA