inicio - Novas - Parabéns de todos os grupos parlamentarios ao labor do CES

Parabéns de todos os grupos parlamentarios ao labor do CES

 03/11/2017  

Comparencia da presidenta na Comisión de Orzamentos do Parlamento

"Logo de escoitar as súas intervencións, creo que estamos a facer un bo traballo”. Con esta conclusión rematou a presidenta do CES, Corina Porro, a súa comparecencia diante da Comisión Parlamentaria de Orzamentos para explicar as contas do organismo para 2018. Era a resposta aos parabéns expresados por todas as voceiras dos distintos grupos respecto ao traballo e o "labor fundamental" do Consello, malia dispoñer dun orzamento moi cativo.

Na súa intervención, a presidenta explicou que o CES contará, por primera vez nos últimos anos, cun orzamento "bastante satisfactorio", logo dunha suba de preto do 13%, ata acadar un total de 923.000 euros. A meirande parte dese incremento destínase á dotación presupostaria dunha praza do Gabinete Técnico que deberá permitir abordar novos traballos.

Aínda que as voceiras dos grupos da oposición insistiron na escasa solicitude de ditames do CES por parte da Xunta, que entenderon como un recorte da súa actividade consultiva, salientaron tamén a independencia e o carácter participativo do organismo. Tamén a portavoz do grupo popular, logo de lembrar a Memoria do CES como documento equilibrado e salientar os aspectos positivos que recolle entre as súas recomendacións, en resposta a outros menos favorables que foran resaltados polas intervintes anteriores, indicou que o Consello é útil e necesario.

A presidenta centrou a súa intervención na actividade desenvolvida neste ano e nos proxectos que están previstos para 2018. En concreto, falou da presentación do informe sobre Ferrol e a súa área de influencia, a xornada sobre economía azul que se celebrou en Vigo, a participación na Rede Transnacional Atlántica e a posta en marcha do Observatorio de Dinamización Demográfica. Pero boa parte da comparecencia estivo adicada á iniciativa "Por unha alianza no sector industrial gallego", da que anunciou o seu remate en breve. Foi o traballo más ambicioso dos últimos anos no Consello, cun cambio metodolóxico importante para achegar as opinións, ideas e propostas dos protagonistas directos do sector, ademáis das dos axentes socioeconómicos representados no CES. Finalmente, o estudio está xa na súa fase final. "O que esperamos é que as súas conclusións non queden en papel", lembrou Porro.