inicio - Novas - O impacto do Camiño de Santiago a nivel local e a eficiencia dos Centros Especiais de Emprego, investigacións premiadas co Valentín Paz Andrade

O impacto do Camiño de Santiago a nivel local e a eficiencia dos Centros Especiais de Emprego, investigacións premiadas co Valentín Paz Andrade

 02/03/2022  

Acto de entrega destes galardóns sobre investigación en economía de Galicia que outorgan o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES)

O estudo da percepción que os residentes dos concellos galegos teñen do Camiño de Santiago, así como a análise da eficiencia dos Centros Especiais de Emprego en Galicia conforman as dúas investigacións galardoadas na oitava edición do Premio de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade que outorgan o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES). O acto de entrega que tivo lugar hoxe no Colexio San Xerome estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa presenza da directora do IDEGA, María Dolores Riveiro García; e do presidente do CES, Agustín Hernández Fernández.

As investigacións premiadas “son dous exemplos de relevancia social”, afirmou o reitor. Nesta mesma liña, pronunciouse a directora do IDEGA, quen salientou os “grandes activos” dos que a USC dispón no eido das Ciencias Sociais. Pola súa parte, Agustín Hernández subliñou que os premios Valentín Paz Andrade constitúen “un exemplo de colaboración” entre institucións, alén de destacar “o nivel dos traballos presentados”.

Impacto do Camiño de Santiago

A modalidade 1 deste galardón premia os traballos de investigación que mellor contribúan ao coñecemento da realidade económica e social da comunidade e ao establecemento de políticas que melloren o benestar dos seus cidadáns. Na edición deste ano, premiouse o traballo ‘El impacto del Camino de Santiago a escala local: la percepción de los residentes de dos municipios gallegos’, do que son autores Melchor Fernández Fernández, Diana Fernández Méndez e Dolores Riveiro García.

Publicado na revista Cuadernos de Turismo, este traballo estuda a percepción dos residentes de dous municipios rurais, Pedrafita do Cebreiro e Melide, sobre os impactos económicos, sociais, culturais e ambientais do Camiño de Santiago, a partir da información cuantitativa obtida nunha enquisa de satisfacción. Os resultados revelan unha percepción global positiva e descartan problemas de percepción de saturación vinculados ao crecente número de peregrinos que percorren as súas localidades. Ademais, segundo o estudo, a valoración global non depende da proximidade da residencia ao Camiño, “pero é máis positiva para os individuos con ingresos vinculados a actividades turísticas e para os que teñen un contacto máis frecuente cos peregrinos”, explican os autores na publicación. Este tipo de investigacións “son necesarias para tomar mellores decisións na recuperación do Camiño de Santiago logo da pandemia”, sinalou Diana Fernández ao recoller o galardón.

Deste traballo, o xurado destacou a relevancia e pertinencia da temática abordada, especialmente nun momento de controversia sobre a percepción dos diferentes impactos das actividades turísticas en xeral e, en particular, do Camiño de Santiago e a afluencia de peregrinos; considerando que “as conclusións do artigo, que son alcanzadas tras unha análise rigorosa, contribúen a un maior coñecemento para a toma de decisións sobre un recurso de tanta importancia para Galicia”.

Eficiencia dos Centros Especiais de Emprego en Galicia

Na modalidade 2, centrada en teses de doutoramento, premiouse o estudo de Juan Torrelles Manent, titulado ‘Análisis de la eficiencia de los centros especiales de empleo en Galicia: visión económico-financiera y social’. A tese, defendida na USC, foi realizada no Programa de Doutoramento en Economía e Empresa e dirixida polos profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC José Manuel Maside Sanfiz e Maria Celia López Penabad.

Os Centros Especiais de Emprego (CEE) constitúen un medio de integración ao réxime de traballo normal para persoas con discapacidade. “O obxectivo da nosa investigación é, en primeiro lugar, analizar a evolución da súa situación económico-financeira durante o período 2010-2015, atendendo á súa diferenciación entre centros con e sen ánimo de lucro. En segundo lugar e dado que nos CEE coexisten obxectivos económicos e sociais, completamos a análise anterior, incorporando o valor social xerado”, sinala Torrelles Manent.

O estudo conclúe que os CEE fináncianse principalmente con fondos propios, con maior intensidade nos centros sen ánimo de lucro. “Durante os últimos anos, os CEE viron incrementada de forma importante a súa autonomía respecto das subvencións e mantiveron os seus cadros de persoal estables a pesar da importante diminución destas”, engade o investigador. As súas rendibilidades son moderadas, sobre todo nos centros sen ánimo de lucro, que destinan unha maior cantidade dos seus recursos aos seus traballadores, dándolle prioridade, en maior medida, aos aspectos sociais sobre os económicos. Con esta investigación, Torrelles Manent pretende “darlle publicidade e notoriedade” aos CEE.

A modalidade 1 do certame está dotada de 2.000 euros, mentres que a tese premiada na segunda das modalidades recibirá 1.000 euros.