inicio - Novas - Encontro anual de Consellos Económicos e Sociais autonómicos en Murcia

Encontro anual de Consellos Económicos e Sociais autonómicos en Murcia

24/11/2017

O CES de Galicia, representado pola súa presidenta, Corina Porro, e mais o seu secretario xeral, Juan José Gallego, participou os días 23 e 24 de novembro no encontró anual que manteñen os Consellos Económicos e Socias autonómicos españoles e o CES do Estado, que este ano tivo lugar en Murcia e Cartagena, organizado polo CES desa comunidade.

Na reunión, os responsables destes organismos consultivos poñen de manifesto a utilidade das súas funcións, o espírito de acordo, entedemento e consenso que guía a súa actividade e a lexitimidade das opinións que expresan no seu papel de representantes da sociedade civil organizada. Nesta ocasión, os presentes celebraron a recuperación do CES das Illas Baleares, que estivo sen actividade nos últimos anos.

O acto de apertura do encontro contou coa presencia do presidente da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Fernando López Miras, que deu a benvida aos participantes antes de presentar as sesión de traballo e as conferencias programadas.

Un dos obxectivos destes encontros é poñer en común o traballo realizado. Na exposición das actividades e proxectos máis destacados que fan os distintos organismos, a presidenta do CES-Galicia salientou a iniciativa “Por unha alianza no sector industrial galego”, que mereceu unha valoración moi positiva por parte dos seus homólogos.

Ademáis, como é habitual nestas reunións, os responsables dos organismos consultivos puideron intercambiar experiencias, compartir propostas e reflexionar xuntos sobre novas fórmulas ou iniciativas que, nos seus respectivos ámbitos, podan servir para impulsar a participación da sociedade civil organizada e o diálogo en todos os niveis.

Na imaxe, a presidente do CES-Galicia, Corina Porro, flanqueada polos presidentes do CES da Rexión de Murcia, José Luján, e do CES de España, Marcos Peña.