inicio - Novas - Unha conferencia do profesor Ángel de la Fuente abrirá a xornada sobre o futuro do sistema de pensións o vindeiro 25 de marzo

Unha conferencia do profesor Ángel de la Fuente abrirá a xornada sobre o futuro do sistema de pensións o vindeiro 25 de marzo

18/03/2019

O prestixioso experto Ángel de la Fuente, director de la Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea), será o encargado de pronunciar a primeira conferencia da xornada “O futuro do sistema de pensións”, que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 25 de marzo. Organizada polo CES en colaboración do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC, a xornada quere servir de marco de reflexión sobre as posibles reformas que é necesario abordar no actual modelo de pensións para garantir o seu futuro.

Logo de analizar os cambios que necesita o sistema xeral que regula estas prestacións, nun novo contexto con vidas máis longas e menos cotizantes, no que xa non sirven as receitas do pasado, será o momento de botar unha ollada máis preto: o presidente do Colexio de Economistas, Miguel Vázquez Taín, centrará a súa intervención en explicar os elementos diferenciais do sistema público de pensións en Galicia.

Como é habitual nestas xornadas CES-Idega, os axentes económicos e sociais farán parte dunha mesa redonda na que poderán debater e contrastar as súas distintas visións sobre este asunto.

A xornada, que é aberta á participación de calquera persoa interesada, celebrarase na sede do CES e comezará ás 10:15 horas. Pode consultar o programa no documento desta páxina.

documentos relacionados: 
AnexoTamaño
PDF icon programa xornada pensións.pdf95.56 KB