inicio - Novas - O CES insta aos poderes públicos a tomar medidas para limitar os efectos negativos da reestruturación do sector financeiro

O CES insta aos poderes públicos a tomar medidas para limitar os efectos negativos da reestruturación do sector financeiro

 21/10/2021  

O Consello ve con preocupación o peche de oficinas no rural e nalgúns ámbitos urbanos

O Consello Económico e Social de Galicia insta á Administración a tomar medidas que sirvan para suavizar os riscos de exclusión que o proceso de reeestruturación do sector financiero está a producir, especialmente entre colectivos vulnerables ou nas zonas menos poboadas. A través dun posicionamento público aprobado onte pola Comisión Permanente, o organismo consultivo fai un chamamento aos poderes públicos para que, en coordinación co sector, establezcan medidas que limiten os efectos negativos que está a producir o proceso.

O Consello ve con preocupación os efectos da dita reestruturación do sector, principalmente no ámbito rural, onde cada vez máis concellos carecen dunha oficina bancaria no seu territorio, e tamén as eventuais consecuencias do forte crecemento da dixitalización, xa que esta tendencia podería agravar a despoboación e abandono das zonas rurais.

Así, o CES insta aos poderes públicos a tomar medidas que permitan acadar un equilibrio xusto entre as necesidades do sistema financeiro e a protección dos territorios e as persoas usuarias, en particular as pequenas empresas e as persoas especialmente vulnerables.

O Consello considera que a Administración pública, xunto co sector financeiro, ten de adoptar medidas co obxectivo de que se minimice o risco de exclusión financeira e dixital, especialmente no ámbito rural.

O pronunciamento foi aprobado por maioría, co voto en contra da Confederación de Empresarios de Galicia, que entende que a situación debe contextualizarse. Neste senso, a organización empresarial entende que "a pesar destes axustes nos últimos anos, Galicia segue sendo unha das comunidades autónomas con maior accesibilidade aos servizos financeiros. O 12% dos concellos galegos non teñen acceso a un caixeiro fronte ao 51% dos concellos en España, e as catro provincias galegas teñen tempos de acceso a oficinas bancarias da súa poboación claramente inferiores á media española. Unha situación diferencial tendo en conta que en moitos concellos existe unha única entidade que presta servizos financeiros como oficina física á súa poboación e o esforzo realizado tamén en canto a oficinas móbiles e os acordos acadados para ofertar servizos a través de oficinas de Correos".

documentos relacionados: 
AnexoTamaño
PDF icon Posicionamento sector bancario431.44 KB