inicio - Novas - O CES-Galicia participa en Bruselas nunha conferencia sobre o papel da sociedade civil na execución da Estratexia Atlántica Europea

O CES-Galicia participa en Bruselas nunha conferencia sobre o papel da sociedade civil na execución da Estratexia Atlántica Europea

 16/05/2014  

Atopar os mecanismos axeitados para acadar a máxima implicación e participación efectiva dos actores da sociedade civil no desenvolvemento da Estratexia Atlántica europea. Este é o ambicioso reto que se plantexan os consellos económicos e sociais agrupados na Rede Transnacional Atlántica (RTA), na que participa o Consello Económico e Social de Galicia. Con este obxectivo, representantes da RTA participaron en Bruselas nunha conferencia co Comité Económico e Social Europeo (CESE) para avaliar o papel da sociedade civil na estratexia da UE para a rexión atlántica.
 
Na conferencia, que foi aberta polo presidente do CESE, Henri Malosse, e o presidente da RTA, Juan María Otaegui, do CES vasco, o CES–Galicia estivo representado pola súa presidenta, Corina Porro Martínez, e o secretario xeral, Juan José Gallego Fouz.
 
Con esta participación preténdese lograr que, a través do Comité Económico e Social Europeo, se faga chegar a voz da sociedad civil das rexións implicadas na estratexia da UE para a rexión atlántica ás altas institucións comunitarias.
 
Na súa intervención, a presidenta do CES-Galicia insistió na necesidade de mellorar as canles de comunicación de cara á sociedade civil, para que se coñeza e se acepte como propia a estratexia comunitaria por parte dos actores implicados. Corina Porro aproveitó tamén a ocasión para dirixirse á responsable de DG MARE e preguntar polo financiamento previsto para as autoestradas do mar. Dada a importancia da conectividade dos portos coas súa zonas de influencia, que nalgúns casos son moi amplas, a presidenta advirtiu que as actuacións non poden acabar nas propias infraestruturas portuarias e preguntouse se as zonas non estrictamente marítimas serán tidas en conta nos novos instrumentos.