inicio - Novas - O CES-Galicia asina cos seus homólogos de Castela e León, Estremadura e Andalucía un protocolo para colaborar no desenvolvemento do oeste peninsular

O CES-Galicia asina cos seus homólogos de Castela e León, Estremadura e Andalucía un protocolo para colaborar no desenvolvemento do oeste peninsular

 29/10/2018  

Os organismos consultivos asinan un protocolo para traballar no desenvolvemento do oeste peninsular

O Consello Económico e Social de Galicia ven de asinar cos seus homólogos de Castela e León, Estremadura e Andalucía un protocolo de colaboración e relacións institucionais que, entre outros asuntos, permitirá un traballo conxunto en defensa do corredor atlántico de transporte. Nun acto celebrado hoxe en Salamanca, os organismos consultivos comprometéronse a desenvolver actuacións conxuntas que axuden á defensa do tecido socioeconómico do oeste peninsular.

Os presidentes dos CES de Galicia, Corina Porro; de Castela e León, Germán Barrios; de Estremadura, Mercedes Vaquera Mosquero; e de Andalucía, Ángel J. Gallego Morales, asinaron o acordo na Casa do Concello de Salamanca, en presencia do alcalde de cidade, Alfonso Fernández Mañueco.

A través do protocolo de colaboración asinado, os organismo consultivos amosarán o seu apoio ao corredor atlántico, mediante iniciativas coordinadas, porque o consideran estratéxico para o desenvolvemento das catro comunidades que limitan con Portugal. Este asunto é clave tamén no traballo que o CES-Galicia realiza no marco da Rede Transnacional Atlántica, que agrupa aos organismos similares da fachada atlántica europea. A RTA decidiú nunha recente reunión que era necesario reforzar a posición das rexións atlánticas neste corredor.

O documento asinado hoxe ten por obxectivo a realización de actividades conxuntas entre estes organismos que comparten o eixo atlántico e a zona transfronteiriza con veciño luso e que, en conxunto, constitúen un espazo de forte interrelación social, económica e cultural, cun gran potencial de desenvolvemento.

O traballo conxunto buscará compartir iniciativas e experiencias para axudar ao desenvolvemento socioeconómico aos dous lados da “raia”, en particular en torno ás posibilidades que dan as novas necesidades de comunicación. Nese senso, os CES asinantes falan da posibilidade de crecemento conxunto en torno ao eixo que marco o Corredor Atlántico e os seus proxectos.

Cómpre lembrar que o protocolo recolle tamén outra preocupación común a estes territorios: a problemática de evolución demográfica, que é especialmente desfavorable nos casos de Galicia e Castela e León.