inicio - Novas - CES e Idega premian un estudio sobre os condicionantes socioeconómicos da obesidade infantil

CES e Idega premian un estudio sobre os condicionantes socioeconómicos da obesidade infantil

06/02/2018

IV edición do Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia)

Unha investigación que analiza os condicionantes socioeconómicos da obesidade infantil foi a gañadora do IV Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia, convocado conxuntamente polo Consello Económico e Social (CES) de Galicia e máis o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) para premiar traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas. Baixo o título "Obesity: A major problem for Spanish minors", o estudo dos doutores Manel Antelo, Pilar Magdalena e Juan Carlos Reboredo foi publicado na revista Economics & Human Biology no ano 2016.

Esta investigación analiza cómo as condicións económicas e sociais explican a alarmante prevalencia de obesidade que asola á poboación infantil de entre 2 e 15 anos, tanto en Galicia como no resto de España.

O acto oficial de entrega dos galardóns tivo lugar note no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela.

Na outra modalidade do certame, nova nesta edición, o galardón para a mellor tese de doutoramento foi compartido polo traballo de Fernando Corbelle Cacabelos que leva por título “Pobreza: conceptos, enfoques y métodos de análisis. Tres ensayos de medición aplicada: España y Eurorregión Galicia-Norte de Portugal” e o de Diana Fernández Méndez titulado “Envejecimiento y protección social de la dependencia en España: efectos sobre el empleo”. En ambos casos, o xurado suliñou a importancia e proxección social dos estudos e valorou a exhaustividade e rigor das análises realizadas e a relevancia das súas conclusións.

O Premio “Valentín Paz Andrade” de Investigación de Economía de Galicia, que acadou a súa cuarta edición, ten por obxectivo premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

O problema da obesidade

En Obesity: A major problem for Spanish minors, os doctores Antelo, Magdalena e Reboredo recogen estatísticas da prevalencia da obesidade infantil en Galicia (en torno ao 8,2%) e no conxunto de España (arredor do 10,6%), por riba da maioría dos países do noso entorno, malia as bondades que se lle atribúen á dieta mediterránea e atlántica. Esas alarmantes estatíticas levaron aos autores a profundizar no coñecemento das causas estruturais de tipo socioeconómico que determinan esa realidade. Con eses datos, poder mellorarse o deseño de políticas de saúde pública tendentes a previr a obesidade infantil e os problemas, presentes e futuros, que van asociados.

A investigación aborda dous aspectos esenciais. Por unha banda, identifica os factores de tipo socioeconómico que poden explicar a prevalencia da obesidade na poboación de entre 2 e 15 anos. Por outra parte, busca detectar a existencia de posibles desigualdades respecto á obesidade de nenas e nenos. Con datos de tipo demográfico, socioeconómico e de hábitos de vida das últimas Enquisas Nacionais de Saúde do INE, os resultados obtidos amosan que os individuos que teñen maior risco de padecer obesidade en Galicia, e en España en xeral, son nenos varóns de menos de 10 anos e que viven en fogares cun maior número de membros, un menor nivel de educación, unha renda baixa e uns hábitos pouco saudabeis.

A análise da medición das desigualdades no risco de obesidade infantil permite concluir de xeito inequívoco que o principal factor de desigualdade na prevalencia deste problema é a renda do fogar no que se vive, seguido do nivel de educación do principal sustentados do mesmo, o tamaño do fogar e a idade do neno ou nena.

Estes resultados suxiren, segundo os autores, que é prioritario aplicar medidas preventivas da obesidade infantil en catro eidos: o fogar, a escola, os espazos de ocio e os medios de comunicación e a publicidade. Tamén, que as medidas de saúde pública nesta materia deberían estar dirixidas aos fogares con nenos de baixo nivel de renda, cuxo sustentador principal careza de educación primaria e que sexan máis numerosos.

Tese sobre a pobreza

Na súa tese de doutoramento premiada “Pobreza: conceptos, enfoques y métodos de análisis. Tres ensayos de medición aplicada: España y Eurorregión Galicia-Norte de Portugal”, Fernando Corbelle Cacabelos debulla o concepto de pobreza dende unha perspectiva aplicada e contribúe coa construción de varios indicadores que permiten coñecer a situación en termos de pobreza monetaria e multidimensional da realidade rexional española e da eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

No marco da pobreza económica ou monetaria ponse de manifesto a importancia de contar con medidas que teñan en conta a variabilidade temporal e interrexional da capacidade adquisitiva, sobre todo en momentos de recesión como o acaecido recentemente, cousa que non teñen en conta as medidas oficiais empregadas convencionalmente. Homoxeneizando as rendas espacial e temporalmente con PPA rexionais, Galicia sitúase en posicións intermedias con respecto das demais rexións españolas cunha taxa de pobreza do 23,3% en 2012 (a española é do 27,1%), o que supón preto de 640 mil persoas por debaixo do limiar de pobreza. Ademais, é unha das rexións que presenta un comportamento menos negativo no período 2008-2012, ben en termos de redución de pobreza baixo medidas convencionais ou que non teñen en consta a capacidade adquisitiva, ou ben con menores incrementos baixo medidas que si teñen en conta esta última. Adicional a isto, é destacable o papel que aínda desempeña a presenza da economía de autoconsumo/autosuministro nesta rexión, o 30% do total estatal, que supón un mecanismo de amortecemento do fenómeno da pobreza.

Para ter en conta que a pobreza é un fenómeno que afecta a múltiples dimensións da vida das persoas emprégase unha metodoloxía en voga a nivel mundial como é a presentada recentemente polo PNUD no seu Informe de Desenvolvemento Humano. Para iso téñense en conta como dimensións da pobreza dun fogar, ademais da económica ou monetaria, a privación material, as privacións na vivenda, as características do entorno de residencia, o estado e acceso á saúde, a situación laboral e o nivel educativo. Neste marco, Galicia continúa situándose nunha posición intermedia en canto ás demais rexións españolas, cun número de persoas identificadas como multidimensionalmente pobres próximo ás 300 mil en 2015, dun total de 5,8 millóns do agregado español. Galicia é unha das dúas rexións que presenta unha evolución positiva no período 2008-2015, pasando dun 14,9% a un 12,5% de pobres segundo a medida empregada, o que fai que mellore a súa situación relativa dentro do contexto español situándose en valores máis próximos aos das rexións menos pobres. Destacable é que as dimensións que máis contribúen á medida de pobreza multidimensional analizada, ademais da monetaria, son a mala situación laboral e o baixo nivel educativo.

Na tese tamén se analiza a situación de pobreza e vulnerabilidade da infancia na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal para o ano 2009, colectivo que nos últimos anos presenta os peores datos de pobreza superando ao grupo de persoas maiores de 65 anos que tradicionalmente viña ocupando este lugar. Os datos mostran que Galicia, a pesar de manifestar unha menor porcentaxe de menores por debaixo do limiar de pobreza que o Norte de Portugal (17,1% e 19,0% respectivamente), estes menores están máis lonxe do mesmo e son máis desiguais entre eles, o que manifesta unha peor situación si se consideran estas outras características da pobreza monetaria denominadas intensidade e desigualdade. Estas porcentaxes supoñen que na Eurorrexión había máis de 200 mil menores en risco de pobreza e exclusión social nun ano no que inda non se estaban a dar os efectos máis graves da recente crise.

As propostas da tese van na liña da consideración de indicadores ou índices de pobreza máis axeitados para analizar un fenómeno cambiante e na implantación de medidas que axuden a paliar a situación de desvantaxe que sofre a poboación máis vulnerable, os menores, os fogares monoparentais e as familias numerosas. Considérase que os índices de pobreza monetaria deben ter en conta a evolución das rendas dos períodos analizados e as diferentes capacidades de compra rexionais. As novas medidas de pobreza deben avanzar cara a multidimensionalidade, complementando a identificación clásica da pobreza vinculada á capacidade económica que na actualidade pode resultar claramente insuficiente.

As medidas de política social a tomar para mellorar a situación das familias e dos menores en situación de risco de pobreza pasan por botar unha ollada cara a Europa e recoller aquelas que a moitos dos países membros lles dan resultado, como as prestacións universais por fillo a cargo, en vez das condicionadas presentes en España que ademais presentan unha das contías máis baixas de UE-15, e/ou políticas fiscais máis progresivas e redistributivas con vantaxes para as familias monoparentais e numerosas.

Dependencia e emprego

Tamén mereceu o premio “Valentín Paz Andrade” nesta modalidade de teses o traballo de doutoramento de Diana Fernández Méndez, que leva por título “Envejecimiento y protección social de la dependencia en España: efectos sobre el empleo” e na que se aborda o impacto da plena implantación da Lei de Dependencia (finalizada en 2015) no mercado laboral dende unha perspectiva rexional, facilitando a comparación do resultado galego no contexto nacional.

Os datos de afiliación mostran que Galicia é unha das poucas CC.AA. nas que a afiliación nas ramas de servizos sociais medraron durante todo o período de implantación da Lei de Dependencia a pesar da desfavorable conxuntura económica. De feito, a análise realizada nesta tese de doutoramento mostra que en Galicia se crearon entre 10.614 e 11.739 postos de traballo brutos a tempo completo o que se traduce en que é a terceira CCAA onde máis empregos se crearon por cada 100 dependentes atendidos, 28 empregos, sendo a media nacional de 22. Sen embargo, o resultado podería haber sido moito maior. Deixaron de xerarse arredor de 8.500 postos de traballo debido á reforma introducida polo Real Decreto-lei 20/2012 e á existencia do limbo da dependencia (poboación dependente con dereito a prestación recoñecido legalmente pero que non recibe atención ao amparo da Lei de Dependencia).

A investigación realizada tamén analiza como se ve afectada a participación laboral dos coidadores informais en Galicia. Este aspecto é especialmente relevante dado que o 82% de las persoas dependentes recibía coidados informais dun membro do fogar en 2006 (80% en 2010). Ademais, Galicia é o único ámbito xeográfico para o que existe información específica sobre dependencia e coidados informais para antes e despois da Lei de Dependencia. Os resultados da análise mostran que os coidadores informais reducen substancialmente a súa participación na forza laboral (11-12%), impacto que, como era de agardar, aumenta co nivel de intensidade de coidado e que é superior para as mulleres.

A modo de propostas no deseño e implantación das políticas públicas, a Dra. Fernández avoga pola eliminación do limbo da dependencia, o fomento dos coidados profesionais no domicilio, a modificación dos patróns de traballo e o maior impulso de políticas de igualdade e conciliación. O anterior non só revertería positivamente na calidade de vida das persoas en situación de dependencia e dos seus coidadores, senón que tería un efecto positivo dende o punto de vista económico en xeral e do mercado de traballo en particular.