inicio - Novas - O CES constata o crecemento e insta a consolidar unha base sólida para acadar unha economía sustentable e competitiva

O CES constata o crecemento e insta a consolidar unha base sólida para acadar unha economía sustentable e competitiva

 29/07/2017  

A economía galega continuou en 2016 coa súa senda expansiva ao acadar tres trimestres consecutivos con taxas de variación interanuais superiores ao 3%. Así o constata a Memoria sobre a situación económica e social de Galicia do Consello Económico e Social, que ven de ser aprobada por unanimidade na última sesión plenaria do organismo consultivo. Na súa publicación, o CES resalta que é importante consolidar o potencial de crecemento e fixar unha base sólida para unha economía sustentable, intensiva en coñecemento, competitiva e que permita ter unha sociedade con altos niveis de benestar.

Como cada ano, a Memoria do CES fai un exhaustivo percorrido pola realidade económica e social de Galicia, estruturado en cinco grandes eidos –Panorama económico, mercado de traballo e relacións laboráis, dinamismo do tecido produtivo, calidade de vida e benestar social e recursos e capacidades para o desenvolvemento–, e inclúe as opinións e consideracións consensuadas dos seus membros sobre esa realidade.

Panorama económico

En 2016 a economía galega presentou un crecemento interanual do PIB do 3,4%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística, e encadeou tres trimestres consecutivos de crecemento. Estes datos poñen de manifesto o dinamismo da nosa economía: o crecemento do noso PIB no segundo semestre do ano foi superior ao español.

Por primeira vez desde o ano 2007, tanto a demanda externa como a interna contribúen de manera positiva a ese crecemento do PIB. Pola banda da demanda interna, a variable de maior medra é o gasto privado, cun 2,6% respecto ao ano anterior. Polo que respecta a demanda externa, salienta o ritmo de crecemento das exportacións, que chega a acadar un 5,5%.

Todos os sectores contribuén ao referido crecemento da economía galega en 2016. A industria manufactureira salienta como o sector máis dinámico, con tasas de crecemento (3,5%) superiores ás do resto do Estado, seguida polo sector servizos (comercio, hostelería e transporte), cun 3,3%.

Os datos recollidos na Memoria indican, sen embargo, que a recuperación demográfica de Galicia segue a ser unha tarefa pendente. De feito, a poboación empadroada na comunidade descendeu en preto de 14.000 persoas en 2016. Neste senso, o CES demanda unha estratexia global polo desenvolvemento económico e a recuperación de poboación, baixo criterios de solidariedade, cohesión social, garantía de prestación de servizos no rural e fomento do emprego. Frear o despoboamento de Galicia é para o CES unha das acción prioritarias e insístelles ás administracións públicas na necesidade de promover medidas concretas que fomenten incrementos das taxas de natalidade, freen a emigración e favorezan o retorno dos emigrantes.

Mercado de traballo

No ano 2016 consolídase o cambio positivo no panorama xeral do emprego iniciado no ano anterior. O capítulo adicado ao mercado de traballo recolle unha evolución positiva nos seus tres indicadores principais: increméntanse as afiliación á Seguridade Social (aumentan un 1,7%) e a poboación ocupada segundo a EPA (2,3%) e descende nun 8,9% o número de persoas desempregadas rexistradas no Servizo Público de Emprego, con máis de 20.000 persoas que acceden a un emprego en 2016.

Á vez, a poboación activa frea o seu descenso, cunha caída do 0,4% fronte ao 1% do ano anterior. Sendo un dato positivo, o CES resalta que a necesidade de frear a perda de poboación activa, especialmente da poboación máis nova, continúa sendo unha das principais prioridades do mercado de traballo de Galicia.

Por sectores, os servizos foron os que acolleron maior número de novas persoas ocupadas (15.200 persoas, un 2,1% máis), seguidos da industria (2.400 persoas, 1,5%), pero salienta o significativo aumento do emprego no sector primario (tanto agrario como pesqueiro), ao que se incorporaron 7.700 persoas en 2016.

En canto os descenso do desemprego, encadéanse tres anos consecutivos de caída nos dous indicadores utilizados, tanto na poboación parada segundo a EPA como no paro rexistrado no Servizo Público de Emprego.

Os indicadores de paro e ocupación confirman o papel do nivel de formación como elemento clave para acadar un posto de traballo. En opinión do CES, deberían crearse estratexias que promovan e desenvolvan o talento da mocidade, incentivando o emprendemento e contribuíndo ao descenso da taxa de desemprego nese colectivo. O Consello opina tamén que hai que seguir avanzando na loita contra o desemprego con medidas de apoio específicas que permitan, especialmente ás persoas máis novas, ás de maior idade e ás persoas paradas de longa duración, integrarse no mercado laboral.

Tecido produtivo

A Memoria sobre a situación económica e social de Galicia 2016 destaca tres aspectos clave da dinámica empresarial: o crecemento do número de sociedades mercantís creadas (14,1%), o descenso, por terceiro ano consecutivo, do número de sociedades disoltas (1,2%) e a consolidación do aumento do número de empresas con traballadores inscritas na Seguridade Social, que se achegaron ás 81.858 firmas.

O número de traballadores autónomos sen asalariados descende un 0,5% respecto ao ano anterior, pero se incrementan un 3,1% os autónomos con asalariados.

O crecemento económico en 2016 foi consecuencia de aportacións positivas de todos os sectores económicos. Salienta por su maior intensidade no crecemento a industria manufactureira, cun Valor Engadido Bruto (VEB) do 3,5%, os servizos (3,3%) e as ramas industriais (2,5%), por diante do sector primario (1,2%). Todos acadan valores do VEB superiores aos rexistrados en 2015.

O índice de produción industrial medrou un 4,1%, o sector da construcción, un 3,1% (ralentiza o seu crecemento, que acadou o 3,8% no ano anterior) e, dentro do sector servizos, salienta o crecemento da activide comercial, que aumentou unn 10,2%, o doble do rexistrado en 2015. Tamén o turismo amosou un comportamento favorable, con un incremento no número de viaxeiros ¬–en 2016 chegaron a Galicia 239.000 turistas máis que no ano anterior– e no número de días de estadía media.

Baseandose neses bos datos, e tendo en conta que o 96% das empresas galegas teñen menos de 10 traballadores, o CES considera que é importante favorecer os procesos de crecemento das mesmas atendendo ás súas peculiaridades, xa que so así se poderá consolidar un tecido empresarial galego facéndoo competitivo, forte e xerador de riqueza e emprego.

Para o organismo consultivo, resulta crucial compatibilizar o conxunto de estímulos públicos que aborden as debilidades dun entramado produtivo diverso dende o punto de vista das súas capacidades, ben polos patróns de evolución sectorial ou polo propio tamaño das empresas. Particularmente, O CES considera que é necesario integrar coherentemente as políticas de I+D e pon a énfase na sistematización da innovación, a internacionalización das vendas, ou a maior fertilización cruzada de capital humano, tecnoloxías e innovacións organizativas.

O bo comportamento do sector exterior pon de manifesto a competitividade das empresas galegas e a oportunidade de abrir mercados no exterior. O CES considera importante todos os instrumentos de apoio existentes así como a súa coordinación, tanto para lograr unha maior presencia no exterior como para facer máis atractiva a captación do investimento estranxeiro.

Calidade de vida e benestar social

Na súa análise da calidade de vida das galegas e os galegos, o CES fíxase en aspectos como a saúde, as prestacións sociais, o sistema de coberturas ou a protección medioambiental do territorio.

En 2016, o gasto sanitario por habitante incrementouse por segundo ano consecutivo, cunha medra do 3,6%. Resulta positivo o descenso do número de persoas en lista de agarda para ser operadas (350 menos respecto ao ano anterior) e a redución do tempo medio de espera nos hospitais do Sergas, que pasa de 70,8 días en 2015 a 67,5 días en 2016.

Entre as súas consideracións, o Consello opina que é necesario intensificar e coordinar as actuacións entre todas as institucións involucradas na loita contra a pobreza, avanzando cara unha sociedade máis inclusiva e igualitaria.

O escenario demográfico galego, marcado por un intenso envellecemento da poboación, demanda cada vez un maior esforzo do sistema de protección social, en concreto da protección das persoas maiores en situación de dependencia. En 2016 incrementouse o número de persoas atendidas polo sistema de dependencia, que se sitúa en 49.101. Á vez, descendeu en 6.279 o número de persoas en lista de agarda, o 26% das persoas dependentes.

Logo de constatar que únicamente o 12% do territorio terrestre galego está protexido medioambientalmente, e dada a importancia da preservación do medio ambiente, a loita contra o cambio climático e o desenvolvemento sostible, o CES insta aos poderes públicos a reforzar os medios existentes, a concienciar e educar, así como a promover medidas para acadar un desenvolvemento económico compatible coa preservación do noso entorno.

O Consello tamén lembra que, na valoración da evolución dos niveis de benestar dunha sociedade, é fundamental destacar a incidencia dos distintos tipos de violencia e, en especial, da violencia de xénero e considera necesario potenciar as medidas de apoio e de protección aos xóvenes, nomeadamente aos menores, e ás familias máis vulnerables.

Recursos e capacidades para o desenvolvimento

O último capítulo da Memoria ocúpase da formación do capital humano e a investigación. Un primeiro dato é a progresiva redución do abandono educativo temperá, que acadou o15,7% en 2016, porcentaxe inferior á media española (19%), pero aínda lonxe da media europea (10,7%).

Por outra banda, o número de alumnos matriculados en ciclos de Formación Profesional superou ao do Bacharelato ordinario no curso 2016-2017 en 5.200 alumnos aproximadamente.

No terreo da formación, o Consello considera necesario que a educación e a formación sexan innovadoras e de calidade para proporcionar coñecemento e competencias eficaces que favorezan o desenvolvemento integral das persoas, a súa empregabilidade e o emprendemento.

A innovación tecnolóxica constante constitúe unha oportunidade para a mellora da nosa competitividade pero é tamén un desafío polo seu impacto, non so sobre a nosa economía senón sobre toda a sociedade. Neste senso, o CES considera necesario estar atentos ao alcance das transformacións que traerá o desenvolvemento dixital.