inicio - Node - O futuro demográfico a debate

O futuro demográfico a debate

O futuro demográfico a debate

Os retos que presenta a caída da fecundidade e o envellecemento da poboación, que están a provocar unha transformación da realidade demográfica e importantes cambios sociais e económicos, serán os protagonistas da xornada “O futuro demográfico, a debate”, que terá lugar no CES o vindeiro martes, 10 de maio. Organizada en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), o encontro reunirá a varios expertos do ámbito universitario e do CSIC que abordarán os distintos aspectos do cambio demográfico que estamos a vivir e as súas consecuencias socioeconómicas. Como é habitual, a xornada completarase cunha mesa redonda na que participarán os axentes sociais representados no CES e a Administración.

A primeira sesión estará adicada a explicar a caída da fecundidade en España, nunha visión de conxunto a cargo da profesora do Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC Teresa Castro Martín. A súa conferencia servirá para establecer o marco de referencia dun problema que, como é coñecido, non é exclusivo de Galicia, aínda que aquí presenta características especialmente preocupantes.

Para centrar o asunto na Comunidade Autónoma, a segunda ponencia leva por título “O cambio demográfico en Galicia”. A conferenciante, María Dolores Puga Martínez, é tamén membro do Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC e experta neste campo.

Unha terceira sesión analizará as consecuencias socioeconómicas do cambio demográfico, un punto de interese fundamental para as organizacións representadas no CES, que veñen amosando nos distintos traballos aprobados, en particular nas Consideracións da súa Memoria anual, a súa preocupación por esta realidade para Galicia.

Precisamente, esa preocupación e o punto de vista dos axentes sociais poderá expresarse na mesa redonda que servirá para pechar a xornada. Baixo o título “O futuro demográfico, a debate”, contamos coa participación de representantes dos sindicatos UGT, CIG e CCOO e da Confederación de Empresarios de Galicia. Para ampliar a visión e coñecer de primeira man a perspectiva dos responsables políticos e os plans nos que está a traballar a Administración, contaremos tamén coa presencia da directora xeral de Familia, Infancia e Xuventude da Consellería de Política Social. Entre todos establecerase un diálogo que deberá servir para entender cal vai ser o esceario no que nos imos desenvolver no futuro inmediato, as ameazas que enfrontamos e as posibles solucións nas que es está a traballar

10/05/2016
Documentos Relacionados: