|
Para o cumprimento destes obxectivos, o CES-Galicia ten asignadas (art. 5º e Disposición Adicional 2ª) diversas funcións, que se concretan nas seguintes:
A) Emitir ditames (a solicitude preceptiva ou facultativa) sobre proxectos
de disposicións normativas e plans xerais ou sectoriais.
1.- Ditames de solicitude preceptiva (art. 5º Lei de creación).
Califícanse como tales os que versen sobre:
1.1.- Anteproxectos de lei e proxectos de decretos lexislativos que regulen materias socio-económicas directamente vinculadas ó desenvolvemento económico e social de Galicia (a norma contempla unha única excepción: o proxecto de lei de Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma).
1.2.- Plans xerais ou sectoriais que teñan relación cos indicados campos.
1.3.- Anteproxectos de lei ou proxectos de disposicións administrativas que afecten á organización, competencias ou funcionamento do propio CES.
1.4.- Materias que teñan que ser consultadas ó CES por precepto expreso dunha lei.
2.- Ditames de solicitude facultativa (art. 5º 1.2. da Lei de creación).
Son os referentes a asuntos ou materias (non comprendidos no anterior apartado)
que sexan sometidos a consulta polo Consello da Xunta de Galicia ou polos seus
membros. Aínda que a normativa do CES-Galicia non o especifique expresamente,
a materia obxecto de ditame ten que moverse tamén nese ámbito
obxectivo do económico-social que dá sentido ó Consello.
Todo parece dar a entender que obxecto directo do Ditame solicitado debe ser
un proxecto de disposición normativa (Decreto, Orden), porque para a
solicitude de pronunciamentos do CES-Galicia sobre outros temas ábrese
na Lei de creación
a vía da solicitude de informes ou estudios (art. 5º.2).
A decisión de remitir ou non a consulta o proxecto de disposición
administrativa corresponde adóptala á consellería correspondente
(ou o propio Consello da Xunta) en función da especial transcendencia
económico-social do contido da disposición.
B) Elaborar estudios ou informes sobre reformas na normativa vixente ou sobre a elaboración de plans e programas para favorece-lo desenvolvemento económico e social de Galicia.
Estes traballos poden ser elaborados por propia iniciativa ou a solicitude da Xunta de Galicia e deberán versar sobre as reformas na normativa vixente que se estimen necesarias para favorece-lo desenvolvemento económico e social de Galicia ou sobre a elaboración de plans e programas dirixidos á mesma finalidade.
C) Dar a coñecer ó Goberno galego a súa opinión
sobre a execución dos plans e programas de especial transcendencia para
o desenvolvemento económico e social de Galicia, a través da
emisión de opinións-recomendacións (art.5º 2 e 3).
Ademais, o Consello pode, con ocasión da elaboración da súa
Memoria sobre a situación económica e social de cada ano, plantexar
recomendacións ou orientacións sobre a política presupostaria
da Xunta.
D) Participar en mesas sectoriais xunto con representantes da Administración
autonómica para debater problemas específicos que afecten a sectores
estratéxicos de Galicia e definir posibles liñas de actuación
(Disposición Adicional Segunda). O CES-Galicia poderá propoñer á Xunta
de Galicia a convocatoria de Mesas Sectoriais nas que participen non só as
organizacións representadas no mesmo, senón tamén a Administración
autónoma, ó obxecto de debater problemas específicos que
afecten a sectores estratéxicos de Galicia, a fin de defini-las posibles
liñas
de actuación. Estas mesas sectoriais son tamén o instrumento
para evacua-los informes requeridos pola normativa da Unión Europea.
E) Elaborar e remitir anualmente ó Consello da Xunta unha Memoria sobre
a situación socioeconómica, incluíndo, no seu caso, recomendacións
ou orientacións sobre a política presupostaria (art. 5º 3).
A normativa do Consello especifica que debe remitirse anualmente á Xunta
unha memoria sobre a situación económica e social en Galicia.
O seu obxectivo é informar dos datos máis relevantes que configuran
a realidade socioeconómica de Galicia no ano anterior á súa
publicación.
|